O Xuvenil gaña o derbi e asegura a permanencia na Liga Nacional

O cadro vilalbés venceu pola mínima ao CD Lugo B (1-0). O gol de Marco no primeiro tempo resultou decisivo. O Racing puido ampliar a diferenza, pero tampouco sufriu en exceso. Finaliza na cuarta posición e xogará na 2ª fase entre os mellores

O duelo comezou con dominio racinguista. Os locais tiveron as mellores oportunidades e foron dende o comezo a polo gol. A mañá soleada no Roca trouxo un bo ambiente nas bancadas do feudo vilalbés con boa alfluencia de público dentro do aforo permitido. 

Nos primeiro intres do xogo, o Racing xa estivo xerando ocasións. O primeiro achegamento foi de Rares. O primeiro cuarto de hora o equipo visitante case non saíu da súa área. Os locais tiveron dúas boas oportunidades con remates de cabeza en cadanseu saque dende o recanto. Nun deses remates foi providencial o gardamallas Rusu que realizou unha gran intervención. 

O cadro vilalbés continuou dominando e chegando as inmediacións da área rival. En torno a metade do primeiro tempo, Anido non atinou cun balón que lle quedou dentro da área pequena. Tampouco Marco que recuperou en tres cuartos de campo e o seu disparo forzado marchou fóra. 

As xogadas a balón parado seguiron e o Racing continou buscando o primeiro gol. Precisamente nun segundo balón na frontal, chegou o tanto vilalbés. A pelota quedoulle a Marco na frontal da área escorado ao lado dereito. O xogador pegoulle de primeiras para marcar un gran gol que entrou polo pau esquerdo da portería rival. 

O gol foi xa no tramo final do primeiro acto, pero os locais seguiron creando e controlando o partido. Neira non atopou rematador nun centro que se paseou pola área pequena tras facer unha gran xogada individual. E Cadra rematou cruzado as mans de Rusu logo doutra recuperación grazas a presión. 


Segunda parte:


O segundo tempo comezou máis igualado. O CD Lugo B estirouse máis e iniciou o segundo tramo pisando área rival grazas ao balón parado. Non obstante, o Racing seguiu xerando oportunidades. Anido rematou alto un bo centro dende o lado esquerdo. E Buján disparou preto do pau dereito unha falta dende a frontal. 

O partido foi avanzando con maior alternancia no xogo. Non obstante, o Racing non sufriu en exceso e continou buscando ampliar o marcador. Mantívose seguro en defensa. Destacou o despexe abaixo de Dani cando o dianteiro rival encaraba portería. Edgar interviu cunha parada a un lanzamento dende a frontal. 

Anido non estivo atinado no remate logo dun bo centro de Fabián dende a dereita. E nos últimos intres os locais souberon controlar o xogo e xogar co resultado. 

Con estes tres puntos, o Racing remata a primeira fase na cuarta posición con vinte e seis puntos. Asegura a permanencia un ano máis na categoría. Completa un bo primeiro tramo de competición liderando a clasificación logo do Depor B, Compostela e Pontevedra. Xogará na 2ª fase contra os cinco primeiros clasificados do subgrupo B.


Ficha técnica: 


RCV: Edgar; Dani, Cadra, Anido; Cabado, Marco; Diego Ferreiro, Gabri (Iago Fdz., min 72); Rares, Buján (Fabián, min. 68) e Neira (Joan, min. 89). 

CD Lugo B: Rusu; Asier, Hugo Díaz, Hugo Rodríguez; Freire (Unai Peón, min. 89), Mateo; Pablo, Samuel Senande, Javier (Azael, min. 6 - Brian, min. 46), Xoel Irimia e Jorge (Miguel Sánchez, min. 40). 

Goleador: Marco.

O encontro estivo arbitrado por Javier Pérez Prado. E asistido nas bandas por Jorge Méndez López e Javier Gómez Martín. Amosou cartón amarelo a Neira e a Cadra polo Racing Villalbés. E a Sameul Senande e Mateo polo CD Lugo B.

RACING CLUB VILLALBES
hace un año